mércores, 25 de setembro de 2013

Camelia Sansaqua "Yuletide"


A intensidade oscura das follas fai que as cores rosas das flores luzan máis. Moi utilizada en America do Norte nos xardíns. Foto de orixe

A camelia máis antiga de Porto


Este é a camelia máis antiga de Porto, en Portugal. Atópase no colexio Nosa Señora de Lourdes. Unha das máis antigas de Europa. .Recordamos que a Camelia na Galiza entrou seguramente por portugal. Así o constata a as facturas dos primeiros camelios que viñeron a Pontevedra e a Vigo. Aquí na foto non está no mellor momento porque fomos visitalo xa en xuño. Apenas tiña flores.

xoves, 19 de setembro de 2013

Lenda india e xaponesa do té

Os indios atribúen o descubrimento ao Príncipe Bodhi-Dharma, fillo do Rei Kosjuwo. Este  deixara a India para ir ao Norte a predicar o budismo ao longo do camiño. Prometeu non durmir durante a súa meditación de sete anos. Ao final do quinto ano estaba cedendo á lasitude e a somnolencia, pero unha providencial casualidade fíxolle coller e mascar algunhas follas dunha árbore non identificada. Resultou ser unha árbore do té e as súas extraordinarias propiedades permitíronlle cumprir a súa promesa.

A lenda xaponesa é un pouco diferente da  india: ao final de tres anos de meditación, o Príncipe Bodhi-Dharma caeu durmido e soñou con todas as mulleres ás que amara. Ao espertar, enfureceuse tanto coa súa propia debilidade que se arrincou as pálpebras e enterrounas. Volveu ao mesmo lugar algún tempo despois para atopar que as súas pálpebras enraizaran e creceran ata converterse nalgún arbusto descoñecido. Mascou algunhas follas e descubriu que tiñan a propiedade de manter os seus ollos abertos. Contou a historia aos seus seguidores, que recolleron as sementes e así comezou o cultivo do té.

Ver unha versión chinesa

mércores, 18 de setembro de 2013

Lenda chinesa do té


Na imaxe temos unha lenda  en inglés coa versión da orixe do té. (Axiña traduciremos). De momento deixamos aquí  outra lenda, tamén da súa orixe:

 "O emperador chinés Shen Mung esperaba aquel día unha importante visita, e todos os criados do palacio achábanse moi atarefados, preparando os cuartos dos hóspedes. Nun pequeno aposento que había no xardín, o emperador parecía moi preocupado e daba ordes e máis ordes. Quería que os seus invitados recibisen unha boa impresión e marchasen contentos. Moi preto da porta de entrada do pavillón, crecían flores de loto e un arbusto de "tsha" ou "té". Un dos criados, por indicación do emperador, deixou xunto á porta un recipiente con auga fervendo. Un suave vento comezou a soprar e algunhas follas do arbusto de té foron a caer dentro do recipente con auga, tomando esta unha cor torrada. Shen Mung sentiu que o aroma refrescante que flotaba o aliviaba do cansazo que padecía. Sentou no chan, e sacou cun cazo un pouco para beber uns sorbos. Sorpresa! A infusión tiña un sabor delicioso, e o emperador atopábase xa con folgos. Colleu despois máis follas e preparou unhas cuncas para obsequiar aos seus visitantes. A velada transcorreu entre risas e comentarios. A saborosa bebida estendeuse por todo o mundo, e hoxe prepárana en todos os recunchos da Terra"

Ver versión India e Xaponesa.