sábado, 27 de febreiro de 2021

O Xardín da Casa de Rosalía - Titulo orixinal: Carballos e figueiras

"A publicación de O xardín da Casa de Rosalía (2017) de Carlos Rodríguez Dacal puxo en  valor  todo  o  patrimonio  vexetal  que  vive  arredor  da  Casa  de  Rosalía  na  Matanza,  que  desde  logo  non  é  menor.  Trátase  dun  traballo  moi  ben documentado e ilustrado que, ó tempo que fai un percorrido pola riqueza e variedade das plantas e das árbores do xardín, ó final é tamén un percorrido  moi  proveitoso  pola  historia  da  propia  Casa.  Co libro vai implícita unha homenaxe a unha autora que utiliza criterios e posicións estéticas e políticas moi avanzadas no que se refire a paisaxe, natureza e patrimonio vexetal. Que

o digan o prólogo de Cantares ou “Los robles” e “Jamás lo olvidaré!” de En las orillas del Sar. No catálogo deste xardín, con máis de 50 especies, destaca desde logo o conxunto de camelias, entre elas a que leva o nome “Rosalía de Castro”, criada no Porto, e son moi significativos varios rexistros monumentais e senlleiros do patrimonio natural galego. Están entre eles a Figueira da Casa de Rosalía (que resiste centenaria a pesar dos anos e dos temporais), o Loureiro dos Poetas (ó pé do cal se fixo a coñecida foto familiar, derradeira de Rosalía), o xigantesco Ombú (procedente da Casa de Galicia bonaerense e plantado cando se inaugurou a Casa-Museo en 1971 xunto coa Árbore do Coral ou Eritrina) e outras plantas memorables, coma o Carballo de Gernika, plantado por Avelino Pousa Antelo e símbolo dos lazos fraternos entre Galicia e Euskadi. Precisamente, cando este emblemático carballo secou por causa dun perigoso fungo (a Armillaria mellea, o mesmo que matara a árbore que fora testemuña do criminal bombardeo), solicitamos das Xuntas Xerais de Biscaia un novo descendente do Gernikako Arbola. Había que ir buscalo ós viveiros onde ser reproducen innumerables herdeiros de tan emblemático exemplar. Como a Fundación Rosalía de Castro ordenara reproducir a figueira centenaria con varias fillas a partir das súas pugas de inverno, traballos que xenerosamente realizou o equipo técnico do Xardín Botánico de Padrón, chegara o momento de exercer o que Rocío Castro denominou con moito acerto “diplomacia botánica”. Así, trouxemos un novo Carballo de Gernika e deixamos en Euskadi unha filla da figueira rosaliana. O carballo plantouse arredor do Día de Rosalía de 2019 e veu Ana Otadui, presidenta das Xuntas, para facelo con toda a honra que merecía. A figueira, infelizmente, non puido aínda plantarse debido á pandemia na que aínda vivimos. Asombrounos como o Gernikako Arbeloa tiña todo un extenso espazo dedicado á súa cría e conservación. Pero é lóxico se temos en conta que hai centos de descendentes do carballo de Gernika polo mundo adiante: dos levados a América coa emigración do XIX ó que acaba de plantarse en Auschwitz. Tanto as Xuntas de Biscaia coma o Goberno de Euskadi utilizan a repoboación a escala planetaria do seu carballo coma un símbolo de paz e convivencia asociado ó pobo vasco e ás súas liberdades: a diplomacia botánica. Moito máis humildemente, a Fundación Rosalía de Castro vénlle propondo a aquelas entidades que colaboran coa institución e apoian as súas actividades a plantación desta figueira coma un símbolo rosaliano asociado á súa Casa, á defensa do patrimonio natural e dos grandes perfís e valores da nosa autora. Agora medran figueiras da Casa de Rosalía pola Gándara de Narón, no parque que leva o nome da  autora;  en  Moaña,  ó  pé co Centro Rosalía de Domaio;  nas  terras  de  Vedra,  que  Rosalía  cita  en “Domingo de Ramos”; na horta do Parlamento de  Galicia;  no  Xardín  do  Recordo  do  Pazo  do  Faramello  en  Rois;  no  parque de Santa Margarida na Coruña, onde fai par  coa  maceira  que  dá  as  mazás  de  Newton;  e  axiña medrará tamén na terra de Castelao, Dieste e Manuel Antonio: así o quere o Concello de Rianxo, con Adolfo Muíños á fronte, que se acaba de facer “Amigo da Casa de Rosalía”. As fillas da figueira son pequenas e aínda así recoñecemos nelas a feitura da vella e centenaria. Medrarán vizosas, certamente, cos seus doces figos e coa súa fresca sombra, como vizosa vive e medra en Galicia, nas hortas, nos corazóns e nos camiños da liberdade, a figura que representan." - VER AS ÁRBORES
 Artigo de  Anxo Angueira. (Nós Diario)

Ningún comentario:

Publicar un comentario